Monday 29 de April de 2024

O alumno do IES de Brión Pablo Villar Abeijón recolle en Bruxelas o premio “Juvenes Translatores” da Unión Europea


Pablo Villar Abeijón, alumno do IES de Brión, vén de recoller en Bruxelas o galardón que o acredita como gañador español de “Juvenes Translatores”, concurso de tradución convocado pola Comisión Europea. O rapaz brionés foi convidado á capital europea xunto con outros 27 mozos doutros tantos países que tamén foron recoñecidos neste certame anual dirixido a estudantes de secundaria da Unión Europea.

Pablo Villar recibiu o seu galardón e diploma de mans de Günther H. Oettinger, comisario responsable de Orzamento e Recursos Humanos; e Christos Ellinides, subdirector xeral da Dirección Xeral de Traducións. Villar Abeijón asegurou que “para min os idiomas son unha oportunidade para coñecer novas culturas e recibir información que non está dispoñible no meu país natal”. Así mesmo, apuntou que a súa palabra favorita é “eiva” que, como explicou aos presentes, “é un defecto ou unha falta en galego”.

Pola súa banda, Günther H. Oettinger declarou aos premiados: “Felicidades polo que conseguintes. Parabéns por aceptar o reto e demostrar o voso talento nas 24 linguas da UE. A aprendizaxe de linguas é unha capacidade vital para o voso desenvolvemento profesional e persoal. É fantástico ver reunidos a tantos mozos con talento. O multilingüismo defínenos como europeos”.

A Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea organiza cada ano desde 2007 este concurso, baixo a denominación de “Juvenes Translatores”, que en latín significa “tradutores novos”. O principal obxectivo desta iniciativa é promover a aprendizaxe de linguas nos centros de ensino e dar aos mozos e mozas unha idea do que é o traballo do tradutor e da tradutora.

O certame está dirixido ao alumnado de ensino secundario de 17 anos de idade, e a súa participación está aberta aos centros seleccionados dentro da Unión Europea. Esta iniciativa animou a algúns dos participantes a cursar estudos lingüísticos na universidade e a converterse en tradutores profesionais.